eu

eu
eu

xoves, 27 de outubro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (V)


Sección da banda dos Garrote, de Ortigueira, a comezos do século XX
As Bandas de Música

Dentro da corrente de popularización da música, poucos agrupamentos teñen tanta relevancia e incidencia como as bandas. Desde certa perspectiva os seus compoñentes, individuos case sempre de extracción social humilde, achan nas nocións elementais de solfexo que teñen que adquirir e na posterior habilidade interpretativa unha vía feliz de culturización efectiva, que os fai ademais merecentes do respecto social. Desde outra, as bandas achegan ás masas que forman o “gran público” pezas musicais de toda índole, facéndoas permeábeis a variados estilos e xerando nelas unha afección que será levada e multiplicada logo por todo tipo de novos agrupamentos musicais.

Na época de entre dous séculos, entre finais do XIX e comezos do XX, existiu unha vibrante rivalidade musical entre Ortigueira (os fúfaros) e Viveiro (os vilanchos), deliciosamente retratada no seu día por Ramón Canosa no duodécimo capítulo da súa Historia menuda de un pueblo gallego (1953).

A saga dos Garrote de Landoi, formada polo pai José María, fundador da banda ortegana en 1886, e os fillos Manuel, Francisco e Luís, que a dirixiron dende 1901, personalizou daquela a figura do músico popular de cualidade, espertando envexa e admiración a partes iguais en todos os municipios da contorna.

A superioridade técnica dos orteganos sobre calquera dos músicos viveirenses daquel tempo era unha espiña cravada no orgullo local que tardou tempo en poder ser arrincada... Por se fose pouco, os músicos de Landoi introducían no seu repertorio pezas da máis alta alcurnia musical, como fragmentos de ópera, causando o desconcerto das xentes que asistían ás romaxes da comarca querendo simplemente “botar un baile”. A confusión músico-danzante que causou a banda ortegana nunha edición do San Pantaleón de Galdo, segundo conta con graza Canosa, levou a que o ramista da comisión imprimise para a seguinte edición da festa unha folla voandeira para espallar entre o público que incluía este desconcertante recado: “¡Alto a la parranda! (...) Bailarines: abstinencia!”.

En realidade, Viveiro non dispuxo dunha banda estábel ata 1916, cando conseguiu formar a chamada “Banda de Exploradores”, da man de Juan Latorre Capón (Lugo, 1858-Viveiro, 1936). O propio Latorre viñera a Viveiro en 1886 con esa misión e, de feito, ao amparo dos desexos dos entón alcaldes conservadores César Riego Almoina e Benito Quintana, que adquiriran a tal fin unha vintena de instrumentos, creara un agrupamento musical bandístico. Mais aconteceu que este primixenio intento chocou coas feroces rivalidades políticas en que se vía inmerso o Viveiro desa época, que habían desembocar traxicamente no tiroteo de 1911 que levou por diante a vida inocente dunha vendedora de queixos na Praza e que foi abondosamente aireado en toda a prensa peninsular co revelador nome de “Los sucesos de Vivero”.

Efectivamente, os liberais, por medio do semanario El Vivariense, levaron adiante unha campaña de críticas constantes ao traballo de Latorre, denunciando as súas presuntas ausencias inxustificadas ás clases da Escola municipal, protestando polo pésimo estado do instrumental da banda, facendo burlas sobre a súa cualidade musical, etc. En 1896 os concelleiros liberais Trobo e Rafael Galdo defenderon na Corporación unha proposta de destitución de Latorre, que foi rexeitada, mais o propio director presentou daquela a súa renuncia alegando motivos de saúde, para trasladarse de seguido a Ribadeo. O instrumental desa frustrada banda, segundo Nuevo Cal (“As Bandas de Música de Viveiro (1848-1936), Viveiro en Vivo, Ano I, nº 2, nadal 1988, pp. 20-27), sacouse a subhasta e os músicos repartíronse en dúas novas agrupacións de menor entidade, a “Música de Cazadores”, encabezada por Francisco Peláez, e a “Banda de Ingenieros”, dirixida por Juan Rivas.

Banda de Música "La Lira", de Viveiro, promovida nos anos 20 por Manuel Amor, (a) Tolino.

José Botino tomou o relevo durante algún tempo como director dunha pequena banda popular que atendía as actuacións nos festexos máis relevantes do ano viveirense. Trala súa precoz morte, xurdiu un novo agrupamento, da man de Balbino Díaz Deán (O Cristino) co nome de “La Escala”, que conviviu nos anos 10 do pasado século con outros como a banda da Liga de Amigos e a Sociedad Filharmónica (1913), ambas baixo a batuta de Juan Latorre, retornado a Viveiro desde 1904. Da citada Filharmónica facían parte os violinistas Moisés Peláez, Ricardo Galdo, Jesús Pena, Jesús Fernández Veiga e Ramón Canosa, o tanxedor de viola Manuel Mera, o contrabaixista Nemesio Barreiro Casal, o violonchelista José Salaverri e o frautista Francisco Pena.

A banda do Cristino, chamada con malicia “banda d'o esgarro”, na que formaban músicos viveirenses de orixes populares, moitos deles zapateiros, como Vicente Pérez (Camacho), Antón do Forno, José Bermúdez (Pepe Randa), Antonio Rodríguez López (Cuco), José Guerreiro (Goyo) e os irmáns Preñados, tíos da muller de Vicente Pérez, foi finalmente absorbida en 1917 pola Banda de Exploradores de Juan Latorre Capón, gozando así Viveiro por vez primeira dunha Banda de Música de valía certa.

A banda de Exploradores, que non tiña vínculo co Concello, debutou en xuño de 1917 nunha velada no Teatro Nemesio e a comezos de 1918 estaba composta por un total de vintecinco músicos, máis o director, entre os que figuraban Eugenio González e Cirilo Romero (bombardinos); Manuel Amor (baixo); Francisco Yáñez, Benigno Soto e Cesáreo González (trombóns); Felipe Fernández (trombino); Juan Paraños e Manuel García Atadell (fliscornos); Herminio Amor, Benigno Gómez, Bernardo Fernández e Vicente Cociña (cornetíns); Francisco Pena, Nemesio López, Eusebio Taboada e Agapito García Atadell (clarinetes); Andrés Mariño (requinto), etc.

Ben é certo que esa agrupación padeceu axiña problemas internos, que a debilitaron enormemente tras a marcha de varios elementos encabezados por Manuel Amor, o Tolino. Refeita nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera e asumida nalgún instante como “banda municipal”, asistiu xa en plena 2ª República ao momento de xubilación do seu director Latorre, con nada menos que 75 anos de idade, que cedeu a batuta, tras a correspondente oposición, a Hixinio Cambeses Carrera.

A chegada a Viveiro en 1935 deste músico marca un punto culminante no panorama local nos tempos da 2ª República. Cambeses, que era fervente republicano e simpatizante do Partido Galeguista, traía consigo unha prolífica obra musical propia inspirada nos motivos tradicionais galegos e foi un director pioneiro á hora de introducir as gaitas na formación, opción esta que nunca sería do agrado do músico e xornalista viveirense Jotraque. Desa obra de Cambeses, pendente de recuperación na maioría dos casos, pois non en balde o seu autor fixo parte do bando dos derrotados e represaliados no 36, cabe sinalar pezas como os pasodobres “¡Ard'o eixo, carballeira!” e “Cántigas da ría”, a balada “Terra Nosa”, a muiñeira “Miña xoia” e a xota “Carballeira”, mais tamén o danzón “Allá en Camagüey” ou a marcha-diana “¡Libertad!”, de título ben elocuente.

Banda de Música de Viveiro, con Hixinio Cambeses como director (Anos 30 do século pasado)
Ao comezar a guerra o 18 de xullo de 1936, Cambeses é detido, torturado cruelmente e destituído manu militari do seu posto de director. Tras deixar Viveiro, en 1943 estabelécese en Cuntis, onde dirixe a banda en medio de terríbeis padecementos psíquicos, e en 1948 trasládase a Padrón, onde intenta suicidarse varias veces. Nunha delas, mentras era atendido nun hospital de Pontevedra, conseguirá aforcarse cunha saba, pondo así tráxico final ao seus días.

Logo da destitución represiva de Cambeses fíxose cargo da Banda de Viveiro Jesús Pérez Rivas (Camacho), quen cesou no posto por traslado en 1944. Tras períodos de interinidade en que estiveron á fronte do agrupamento musical, sucesivamente, directores como Francisco López Díaz (O Curto), Carlos Adrán Cambón e Ramón Amor o Tolino, asume o posto o músico ortegano Manuel Rebollar Martínez, que llo traspasa pola súa vez en 1956 a un mozo de apenas vintesete anos entón, chamado Alfonso Mariño Parapar.

Cómpre sinalar, en paréntese, que cando Ramón Amor deixa de dirixir a banda de música de Viveiro é para crear a orquestra “Amor”, que con figuras como Benigno Soto na batería, Toniño no contrabaixo e Juano de Xove no acordeón, estará en activo ata 1963, coa “Variedades” como grande e “eterna” rival nos palcos...

O 28 de marzo de 1958 fixo o seu debú a Banda de Música de Viveiro de Alfonso Mariño Parapar. Tras unha pequena paréntese, reorganízase en 1965, con mulleres entre os integrantes (cousa nada habitual entón) e chega en activo ata 1992, con algún interregno en que exerce como director interino Antonio Amigo (1960-61).

Desde mediados dos anos 80, porén, a Banda de Don Alfonso, que sempre tivo unha forte compoñente xuvenil no seu cadro, estivo atravesada de tensións, por motivos moi diversos. Un, a polémica sobre o alcance do seu carácter “municipal” e os dereitos que iso daba presuntamente aos músicos en canto traballadores do Concello. Outro, a necesidade de dotarse dun regulamento interno e dunha Xunta Directiva que non deixase ao albur do director absolutamente toda a xestión e todas as decisións, incluídas as disciplinares. Para a elección dos representantes dos músicos nesa Xunta chegaron a enfrontarse en 1987 senllas candidaturas, encabezadas respectivamente por Modesto Fustes e Hernán Naval, respectivamente, con triunfo da primeira por 23 a 16 votos. Outro motivo de discordia intestina foi a demanda de creación dun Conservartorio na vila, que non foi acollida nin moito menos con entusiasmo por algúns sectores. Outro máis, aínda, o xuvenil descontento interno dunha boa parte dos seus músicos, por polémicas como a negativa do director a actuar gratis para a televisión ao paso dunha Volta Ciclista. Moitos deses músicos novos (Cayetano Navarrete, o Yupi, Beni, Paco Flo, etc...) marcharán da banda nun momento dado para fundaren a charanga “Os Yoscos”.

Esta crise da Banda comezaría a superarse cando se produza a xubilación de Mariño Parapar (1992) e, tras un breve período de Carlos Méndez como director no propio ano de 1992, a entrada na dirección de Francisco Javier Vidal Suárez, que permanecerá no posto ata 2005. O período posterior, co ponteareán Delio Represas Carrera á fronte e coa entidade rebautizada como Banda de Música “O Landro”, resulta de grande brillantez e incluíu un solemne concerto de conmemoración, en novembro de 2008, do cincuenta aniversario da súa refundación, no que participamos cun texto (logo publicado por entregas no semanario Heraldo de Vivero) en que evocamos as anécdotas e vivencias da nosa etapa de músico nesta agrupación, que vive desde agosto de 2015 un novo cambio, baixo a competente batuta de Carlos Timiraos Timiraos.

Desde 2011 celébrase nas vésperas da Semana Santa un Certame de Bandas Cidade de Viveiro que permite coñecer e gozar do traballo de moitas destas agrupacións chegadas desde diversos puntos da Península.

Ningún comentario:

Publicar un comentario