eu

eu
eu

venres, 27 de novembro de 2015

NA MORTE DE NEIRA VILAS


 

Morreu hoxe, 27 de novembro de 2015, o escritor máis verdadeiramente lido e popular da literatura galega de posguerra, o meirande investigador da epopea emigrante en Cuba e un dos exemplos máis sobranceiros de compromiso e lealdade coa Nación dos Humildes. Na súa honra transcribimos as liñas que lle dedicamos nun manual de literatura galega para 2º de bacharelato.

Nado en Gres-Vila de Cruces (Pontevedra) en 1928, no seo dunha familia labrega pobre, fixo estudos de contabilidade por correspondencia e comezou a traballar desde moi novo nun aserradeiro. En 1949 emigrou á Arxentina, traballou en diversos oficios e alí relacionouse cos sectores máis galeguistas da colectividade, o que explica a súa participación en iniciativas como o xornal Adiante, das “Mocedades Galeguistas”, o “Iº Congreso da Emigración Galega” (1956) ou a editora-distribuidora “Follas Novas” (1957).
En 1961, ao mesmo tempo que publica o seu primeiro libro, Memorias dun neno labrego, instálase en Cuba coa súa compañeira, a escritora Anisia Miranda (1932-2009), e desempeña diversos postos na administración revolucionaria cubana. En 1969 crea e dirixe a Sección Galega do “Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba” e desde ese posto emprende un inxente labor de investigación e recuperación da presenza e do legado galego en Cuba, que se traduce nos volumes Galegos no Golfo de México (1980); Castelao en Cuba (1985); A prensa galega en Cuba (1985); Índice da revista El Eco de Galicia (1988), Guerilleiros (1991); Rosalía de Castro e Cuba (1992); Eduardo Blanco-Amor dende Buenos Aires (1995); A lingua galega en Cuba (1995); Memorias da emigración I, II e III (1994-1996), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), etc. Desde o seu retorno a Galiza, vive na súa aldea natal desenvolvendo un intenso labor cultural e xornalístico.
Alén da súa decisiva obra narrativa de creación, hai que salientar o papel de Neira Vilas como pioneiro da literatura infantil en galego, con libros como O cabaliño de buxo (1971), Espantallo amigo (1971), A marela Taravela (1976), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993) e Contos vellos para rapaces novos (1983), escolma de contos populares de todas as latitudes vertidos ao galego.
Como poeta é autor de Dende lonxe (1960) e Inquedo latexar (1969). Ambos volumes reuníronse, xuntamente con outros poemas soltos, en Poesía recadada (1994). A poesía de Neira Vilas caracterízase pola súa sinxeleza expresiva e polo contido comprometido, abordando temas como a infancia, a loita dos pobos, a emigración, a morte, o papel do escritor na sociedade... Tamén traduciu para o galego obras de autores como Nicolás Guillén, Vítor L. Molinari, Ho-Chi-Minh, Fidel Castro, José Martí e Alejo Carpentier.
Neira Vilas presenta varias particularidades a respecto dos autores englobados na Nova Narrativa Galega (Mourullo, Queizán, Ferrín...). Entre as extra-literarias, cabe sinalar que o autor se move nun marco vivencial – a América da emigración, a Cuba castrista - moi distinto ao dos escritores do interior, sen manter con eles un contacto xeracional. Entre as estritamente literarias, destaca o feito de que non manifesta o interese renovador que conscientemente asumen os seus coetáneos. 
A fórmula narrativa de que fai gala nos seus inicios está máis atenta ao narrado –temática, argumento, situacións- que á conformación do discurso narrativo. A característica que máis distancia a Neira Vilas dos autores da NNG é, con todo, o máis definidor do seu mundo literario: o tratamento cruamente realista dos xeitos de vida da Galiza rural. Mentres os “novos narradores” buscan como referente espacial o medio urbano e a conflitividade dos seus personaxes xira arredor de confusos desexos e frustracións, a temática dos relatos e novelas de Neira Vilas concéntrase nas miserias e traxedias da aldea galega nos tempos da guerra civil e da inmediata postguerra. Aínda que os seus personaxes mostran unha psicoloxía altamente desenvolvida, os seus conflitos non son internos: xorden do enfrontamento co medio, cos seus opresores ou semellantes, na loita cotiá pola supervivencia. 
Neira Vilas cultivou o conto e a novela, cunha tendencia cara ao primeiro que fai dalgunhas das súas narracións longas simples acumulacións de relatos curtos de estrutura pechada conectados por tenues fíos como poden ser o marco espacial, a voz narrativa ou a paulatina evolución dos personaxes cara á autoafirmación. Tendo en conta as súas características técnicas e temáticas, acostúmase clasificar a súa narrativa en cinco núcleos:
a) Obras que xiran arredor da vivencia infantil do mundo da aldea: Memorias dun neno labrego (1961); Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977). 
b) Narracións en que o mundo rural é observado desde o punto de vista do adulto: Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). 
c) Narracións centradas no mundo da emigración: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973), Tempo novo (1987) e Relatos mariñeiros (2003). 
d) Narracións centradas no mundo urbano, visto desde unha pespectiva sumamente crítica: O home de pau (1999)
e) Coleccións de estampas líricas e de semblanzas: Lar (1973), Nai (1980) e Pan (1986).

O primeiro núcleo agrupa as obras de protagonista infantil, reunidas polo autor no volume O ciclo do neno (1978). Nelas ofrécesenos a percepción que ten o neno do mundo da aldea: os labores inhumanos que está obrigado a desempeñar; as condicións de necesidade e miseria; a vivencia da inxustiza social perante o poder dos fillos do señorito; a frustración da curiosidade intelectual nunha escola en que non consegue integrarse por falar galego ou por abandonala para axudar no traballo familiar; a auto-represión por uns costumes e unha moral que non consegue entender... 
A través da mirada infantil Neira Vilas reconstrúe o hábitat rural galego dos anos 30 e 40, que ofrece como única saída redentora a emigración. Paralelamente asistimos ao proceso de maduración psicolóxica dos protagonistas, sendo polo tanto crónicas iniciáticas en que a vivencia da inxustiza vai modelando a súa personalidade até optaren pola rebelión: nas Memorias... (unha das obras máis traducidas, vendidas, lidas e divulgadas da literatura galega de todos os tempos), abandonando Balbino a súa casa tras sufrir do pai un castigo humillante a causa dun enfrontamento co fillo do señor; en Aqueles anos..., mediante o compromiso de axuda aos guerrilleiros que Moncho estabelece.
Do punto de vista técnico-formal estas obras mostran unha grande sinxeleza construtiva: as dúas primeiras seguen un modelo secuencial –breves apuntamentos narrativos sobre calquera personaxe ou circunstancia da vida infantil nas Memorias... e técnica espistolar en Cartas a Lelo-, mentres que Aqueles anos do Moncho mostra un narrador heterodiexético que dota o texto dunha maior complexidade estrutural.
O segundo núcleo narrativo da obra de Neira Vilas, que se fecha dalgún xeito con Esperando o leiteiro (2012), ten claras coincidencias co anterior, mais o autor opta aquí polo punto de vista do adulto. Prosegue a exploración do mesmo universo narrativo con claves temáticas e de-senvolvementos similares: a alienación do campesiño, a violencia irracional e cega, a superstición, a insolidariedade, etc. O tratamento técnico-formal dos materiais narrativos é diverso.
Nos vinte relatos de Xente no rodicio predomina o tratamento realista para nos deseñar os habitantes dunha aldea pecha e opresiva condenados á emigración ou á auto-destrución. Os contos de A muller de ferro están cargados dun forte simbolismo, concibidos todos eles como parábolas ou fábulas moralizantes cun marcado nesgo ideolóxico. Querido Tomás presenta unha notábel complexidade estrutural, fronte á sinxeleza característica dos anteriores relatos. Nesta novela asistimos ao longo monólogo dunha mestra rural, Sara. Estando cerca da vellez rememora os primeiros anos da postguerra e as distintas fases do seu amor de mocidade con Tomás, un rapaz labrego ao que, a pesar das diferenzas de clase social existentes entre eles, estivo ligada antes de que o mozo emigrase ao Brasil. A novela desenvólvese en dous planos temporais: o presente en que Sara relembra, un mes de agosto que simboliza a progresiva estiaxe da vida da protagonista e do mundo da aldea, e un pasado de ilusións definitivamente truncado. Querido Tomás está concibido na súa esencia como un alegato contra a emigración, que a cambio dunha falsa esperanza vén destrozar a existencia de dúas persoas e, simultaneamente, a de todo un pobo.
Se nesta novela a emigración preséntase desde a vivencia do que se queda, no terceiro núcleo narrativo Neira Vilas aborda a epopea tráxica do emigrante en terras americanas. O ámbito espacial desprázase, se ben a aldea e Galiza seguen sendo un referente na distancia, evocado desde a lembranza dos protagonistas. Camiño bretemoso é a novela que inicia este ciclo. Nela preséntasenos o relato oral, sórdido e amargo, que un emigrante realiza a un interlocutor mudo das súas peripecias desde que abandona aos dezaoito anos Galiza por un imperativo ético –a vergoña que sente por non se atrever a desfacer un malentendido sobre as súas relacións coa criada da casa-, até chegar á situación final en que só, enfermo e desprezado, agarda pola morte nun suburbio bonaerense.
Na mesma cidade arxentina desenvólvense as Historias de emigrantes, un feixe de contos en que se nos narra o conflitivo proceso de adaptación ao novo medio urbano dunha galería de personaxes representativos de toda a colectividade galega na cidade do Plata: a incapacidade para comprenderen o novo marco social en que se moven, mantendo a mentalidade tradicional e individualista; a loita para saír como sexa da miseria; o conflito entre as súas raíces culturais galegas, que queren conservar, e a necesidade de integración nunha nova cultura, etc.

Hai tamén intención globalizadora ao enfocar a emigración bonaerense na novela Remuíño de sombras, considerada pola crítica como a obra de construción máis innovadora e polo tanto máis próxima ao movemento da “Nova Narrativa”. Neira Vilas recorre nela a unha técnica cinematográfica en que se van montando de forma caótica distintos planos e secuencias que recollen fragmentos de conversas, noticias sobre o mundo do espectáculo, actos sociais da comunidade galega, etc., xuntamente con secuencias narrativas de maior extensión e distintos protagonistas que son os que dan unidade á novela. Esta complexidade técnica, con recurso ao flash-back e á aceleración ou ralentización temporal, vai acompañada por un xogo continuo de voces e modos narrativos, así como por unha multiplicidade de rexistros lingüísticos (linguaxe coloquial, periodística, literaria, etc.). No volume Relatos mariñeiros (2003), Neira Vilas desenvolve con brevidade, condensación e grande riqueza idiomática vinte historias ambientadas nos anos 30, 40 e 50 do século XX e protagonizadas por mariñeiros de orixe galega en Cuba.
A temática urbana que inauguran os libros antes citados segue presente na obra titulada Un home de pau (1999), obviamente fóra xa do ciclo da emigración e configurando un cuarto núcleo. Son quince relatos centrados na vida da cidade e nos inconvenientes que nela encontran os seres humanos para a realización: cousificación, masificación, soidade, illamento, incomunicación, ruído, acoso publicitario, présa, tráfico, falta de zonas verdes, etc. O propio autor ten explicado que con estas historias tento achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que padecen as cidades do noso tempo.
Os alardes técnicos de Camiño bretemoso teñen o seu contrapunto nas tres obras que compoñen o quinto e derradeiro núcleo narrativo dos arriba sinalados, reunidas polo autor no volume Charamuscas (1993). Dúas delas –Lar e Nai- están máis próximas á linguaxe poética que á narrativa, dado que nas breves secuencias que as compoñen os elementos argumentais ceden perante a evocación acentuadamente subxectiva e emocionada do que o Neira Vilas emigrante deixou atrás. Na primeira recréanse os espazos, os obxectos e as xentes da infancia rural do autor. Na segunda, reconstrúese con breves trazos a figura da nai. Por último, en Pan estas evocación líricas van acompañadas dun maior desenvolvemento dos elementos narrativos, para daren lugar a trinta e nove estampas cunha técnica e estilo moi semellantes aos empregados por Castelao en Cousas. Neira Vilas ofrécenos de forma densa e sintética un resumo de todo o seu mundo narrativo anterior a través dunha nutrida galería de personaxes: o cacique, o xornaleiro, o emigrante, a regateira estraperlista, o mutilado de guerra, etc. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario