eu

eu
eu

luns, 17 de novembro de 2014

OS BOSQUEXOS TEATRAIS VANGARDISTAS DE CUNQUEIRO

É ben sabido que Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981) foi durante os anos de preguerra un mozo de intensa vocación literaria, poeta de corte vangardista (Mar ao norde, Cantiga nova que se chama riveira, Poemas do si e non), militante do galeguismo máis “arredista”, contertulio do “Café Español” e da Libraría “Niké” compostelás, amigo de artistas e intelectuais da novísima xeración como Seoane, García-Sabell, Maside, Cuadrado, Eiroa, Arturo Souto, Luís Manteiga, Fernández del Riego ou Carvalho Calero e promotor de diversas empresas publicístico-literarias (a “Oficiña Lírica do Leste”, a revista Galiza, os Papeles de color, a Frol de diversos, a “Editorial Un”...) en que imprimiu o seu personalísimo selo. 

Ademais, emprendeu xa nesa época da súa traxectoria a escrita teatral. En palabras de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, “son peciñas moi breves, en que o surrealismo e o matiz expresionista se engalanan co ‘marabilloso’ positivo do autor, admirador de Apollinaire, segundo propia confesión” (Lourenzo & Pillado, 2006:5). Refírense a Rúa 26, a Xan, o bô conspirador e á brevísima Posíbel final de drama.

Rúa 26

Este “diálogo limiar” apareceu publicado por primeira vez no sexto número da revista luguesa Yunque, en 1932, mais ficou esquecido e non foi recollido sequera no tomo dedicado ao teatro na Obra completa do escritor mindoniense editada por Galaxia. Finalmente foi resgatado en edición non venal por Teresa López, nas Edicións Laiovento, en 1995.

O argumento deste “diálogo” é inusual e propositadamente surrealista: un home negro e un home branco miran con anteollo o interior dun vaso de auga onde aparece a imaxe dunha mazá, que axiña se esvae. O home negro conta a historia dunha muller nova que ao pé dunha árbore berra cos ollos pechos os seus segredos, sen que poida ser escoitada.

As didascalias e indicacións escénicas que presenta este texto cunqueiriano amosan un xorne lúdico, transgresor e irónico, cuestionando metateatralmente algunhas das convencións habituais no xénero. A escena ten que ser aquí “triangular” e dispor de “unha fiestra disforme cóncava”.

A respecto da caracterización dos personaxes, dísenos que “a idade diles é crara, cáseque de vidro” e que teñen que adoptar unha “posizón perfeitamente verosímil”. Cando un dos personaxes pregunta se debe comezar a relatar polo principio, o outro replícalle: “non!, non! Sen orde ningún”. A paradoxal historia que un personaxe conta a outro versa sobre unha muller que sempre tivo dezaoito anos e viviu máis de cincocentos... Unha vez que comeza o relato, o personaxe desta peza teatral sinala que “istas cousas non se poden dicir diante da xente en voz outa”, que é precisamente o que está el a facer... Xogo tras xogo, pois, porque, como conclúe un dos personaxes na derradeira frase da peza, “sempre é posível inventar!”.

Xan, o bô conspirador

Chegaron a nós unicamente dous fragmentos desta peza, subtitulada polo autor “invenzón nun prólogo e dous actos”, que Cunqueiro se puxo a confeccionar en 1933. 

O primeiro deles foi resgatado pola revista Grial, en Xuño de 1978 (nº 60), como manuscrito aparecido nun cartafol propiedade do pintor Colmeiro. Posteriormente reproduciuno na mesma revista (nº 85, Xullo-Setembro de 1984) Francisco Fernández del Riego, advertindo que figuraba “entre a manchea de notas manuscritas, de poemas traducidos e ilustrados por el, de fotografías familiares e outros recordos, que Álvaro Cunqueiro me foi entregando ao andar dos anos da nosa nosa longa amistade”.

O certo é que entre unha e outra reproducións dese prólogo existen diferenzas idiomáticas e ortográficas evidentes e mesmo diverxencias moi chamativas que agardan unha explicación ecdótica e/ou editorial.

Posteriormente, a “Escea fiñal” da peza, aparecida orixinariamente en La Región de Ourense o 14 de Xullo de 1933, foi resgatada na publicación do IGAEM Si o vello Sinbad volvese ás illas... (Colección Centro Dramático Galego, nº 21, 1999), e Lourenzo e Pillado reprodúcena no seu Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro (2006).

Para Ricardo Salvat, a peza Xan, o bô conspirador constitúe un “esbozo dramático originalísmo, muy personal, lleno de fuerza expresiva, de intuiciones inesperadas” (Salvat, 1993:451), que debe colocarse na mesma categoría de experiencias de teatro surrealista e post-dadaísta que se verifican nesa época nas letras hispanas da man de autores como García Lorca.

Pola súa vez, Cermeño, que cualifica a obra como “mostra pequena, pero importante, da vontade rupturista do autor”, considéraa un claro indicio de que Cunqueiro desexaba separase “do aire certamente benintencionado pero anticuado que respiraba o teatro daquela”, na medida en que se afastaba propositadamente, cos seus ares surrealistas, do “etnografismo ou da mera reivindicación nacionalista e racial” (Cermeño, 1993:473).

Finalmente, Xosé Mª Paz Gago tamén entende que esta obra representa “camiños de ruptura e de innovación” que resultaban inéditos no teatro galego da época, por canto “Cunqueiro vai máis aló superando o realismo e o romanticismo, o simbolismo e costumismo rural, conectando coas liñas de vangarda europea, do expresionismo ó surrealismo, de Cocteau a Apollinaire, e adiantando ó mesmo tempo os rasgos definitorios do novo teatro francés que só aparecerá vinte anos máis tarde” (Paz Gago, 1993: 462). Nese senso, para este crítico en Xan o bo conquistador, “encóntrase en xermolo a maior revolución teatral do século vinte” (Paz Gago, 1993: 461).

Na escena que reproduciu en dúas versións a revista Grial, que constitúe o “prólogo” da obra, interveñen tres personaxes despersonalizadas, carentes de nome propio: ‘A nena da fiestra’, ‘O home con cravata’ e ‘O home sin ela’.

Na didascalia inicial atopamos xa a chave irónica, lúdica, transgresora, experimental e anticonvencional que Cunqueiro manexa ao confeccionar o seu bosquexo. Repárese na caracterización dunha desas tres personaxes: “A nena é unha nena. Aparenta 14 anos. Ten 12 e medio, como se verá. É perfeitamente vermella. Un ollo máis enriba do outro”.

A entrada en escena dos outros dous personaxes faise de maneira igualmente anticonvencional: un entra dando brincos; o outro, pola “concha” do apuntador. Irónico é, desde logo, que o ‘Home con cravata” reproche á ‘Nena da fiestra’ que “dices demasiadas cousas”, pois a participación dela nos diálogos é mínima ...

Moitos outros recursos empregados apuntan á filiación vangardista do texto. Sinalemos, entre eles, a técnica especular (“Toda a escena un espello. Nel refréxase a sombra da casa vella coa nena na fiestra”) e o xogo de apelación/ocultación ao público: mentres nun intre dado o ‘Home con cravata’ fala dirixíndose a el (“Vostedes, señores espectadores, decataranse axiña...”), noutro indícalle a outro personaxe: “Non berres tanto que te ouven os señores espectadores”... O público, semella querernos dicir Cunqueiro, non é unha instancia imprescindíbel...

Na mesma liña está o xogo de absurdos, case diálogo de xordos, que se estabelece entre a historia que conta ‘O home con cravata’ (a da señorita corrente que tivo un fillo, que á súa vez mercou un crebanoces e non se sabe que fixo con el...) e a intencionalidade con que di concorrer a escena o outro ‘Home’, que non é outra que “facer o prólogo dunha traxedia”. Afinal, quen non amosaba interese en facer tal prólogo, provocando o desespero do seu colega, sinala: “paréceme que xa está”. O texto, semella querernos dicir Cunqueiro, é o de menos en teatro...

Canto á “Escea fiñal”, publicada en 1933, como xa anotamos, no diario La Región e recuperada no seu día por Paz Gago, ambiéntase ás cinco da tarde nunha casa “con sono de ágoa nas fiestras” e está protagonizada por dúas personaxes, ‘Carolina’ e o ‘Doutor’. A primeira, que tira un ollo da cara para o limpar cun pano, dedícase a picar cigarros “que cheiran a dentadura postiza i a vaca parida”, en tanto o segundo, que se declara “aborrecido disto”, anda a ensaiar prestidixitacións nun aramio mentres evoca episodios da súa vida pasada e relata a historia de dous namorados que traballaban no circo, con estrañas habilidades da máis pura xinea surrealista:

Diante de tódolos artistas da compañía fizo equilibrios sobre parágoas, saltou tódolos instrumentos da charanga, meteuse nun peto da súa mesma chaqueta e cuspiu ágoa de seltz [...] deitábanse nas mesas de noite, bañábanse en vasos. Facían os engorroñamentos máis imposíveis. Chegaron a viaxar como cartas, drento de sobres nebulosos i aéreos. Tiveron un fillo. Xa o viches. Saiu dobrado en seis plegues.

Canso e somnolento, o Doutor pídelle a Carolina que lle afrouxe o aramio, para poder durmir e ela, segundo se indica na didascalia final, macabra, feísta e granguiñolesca, “saca os ollos, os dentes i un brazo; mete todo na faltriqueira. Busca unha pulga pola sufraxe. Mata a luz”.

Posíbel final de drama

Esta micropeza foi publicada por Cunqueiro como remate dun artigo intitulado “Da mar”, que apareceu no xornal olívico El Pueblo Gallego en 1935, e foi resgatada e dada a coñecer por Euloxio R. Ruibal (2003: 131).

Consiste nunha escena única en que dialogan “O home branco i-o home negro”, fantasiando sobre a posibilidade de que se deteña o tempo, para poderen descubrir un mundo novo e paradisíaco. Se por acaso descubrisen que tal mundo non existe ou é unha desventura, daquela “podía inventarse un animadísimo relato”.

Carácter lúdico e onírico, na liña do surrealismo que quería procurar no subconsciente unha fonte de ideas e motivos para a creación artística, por unha banda, e reflexión metapoética, por outra, son as chaves estéticas deste texto, que, como os outros anteriormente citados, non tivo ocasión de subir a escena no intre histórico en que foi concibido, polo que hoxe apenas resta máis posibilidade que a de especular sobre cal(es) podería(n) ter sido a(s) resposta(s) do(s) público(s) daquela época á súa encenación...


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

CERMEÑO, Xosé: “Álvaro Cunqueiro, esperanzas e desesperanzas dun dramaturgo”, Congreso Álvaro Cunqueiro (Actas), Xunta de Galicia, pp. 471-477.

LOURENZO, Manuel & PILLADO MAYOR, F. (2006): Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro, Manuais Casahamlet, nº 6, A Coruña.

PAZ GAGO, Xosé Mª (1993): “Os proxectos teatrais de Cunqueiro: as pezas curtas”, en Congreso Álvaro Cunqueiro (Actas), Xunta de Galicia, pp. 461-469.

RUIBAL, Euloxio R. (2003): Xogo de máscaras. Escritos sobre teatro galego, Eds. Espiral Maior, Col. Teatro, A Coruña.

SALVAT, Ricardo (1993): “Cunqueiro y el teatro europeo de su tiempo”, en Congreso Álvaro Cunqueiro (Actas), Xunta de Galicia, pp. 451-460.

Ningún comentario:

Publicar un comentario