eu

eu
eu

domingo, 27 de abril de 2014

A NOVELA "A NOVA VIDA", DE LOIS TOBÍO

Unha novela no seu legado póstumo 

Coñecíamos o legado do viveirés Lois Tobío Fernández (1906-2003) como político galeguista e republicano, de traxectoria intachábel e xenerosa; como tradutor políglota e exquisito da poesía francesa decadentista e das obras principais dalgúns dos grandes vultos da literatura xermana: Goethe, Rilke, Heinrich Mann, Bertold Brecht...; como investigador humanista e especialista na figura do Conde de Gondomar; como activista cultural, promotor do Seminario de Estudos Galegos, animador da emisión radial “Sempre en Galiza” na Radio Carve uruguaia, asesor e alentador de entidades como o Seminario de Estudos Galegos reconstituído, o IGADI, o Instituto de Estudos Miñoranos, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro...

Todos e todas admiramos esas, en tantos sentidos, monumentais Décadas de T.L. que nos regalou preto do final dos seus días facendo unha achega fundamental ao xénero memorialístico dentro da nosa literatura. Mais desde o 2006, en que conmemoramos o primeiro centenario do seu nacemento, coñecemos felizmente máis unha faciana do ricaz poliedro que constitúe a súa traxectoria vital e intelectual.

Con efecto, coidadora celosa dos materiais deixados por Tobío, a súa filla Constanza atopou entre eles a copia mecanografada dun texto inédito do que seu pai nunca lle tiña falado, a diferenza do que acontece co inédito das Elexías de Duino rilkeanas, aínda pendente de publicación, ou mesmo co ensaio Dous embaixadores: Digby e Gondomar, que o de Viveiro deixou pronto para editar e que publicou o Instituto de Estudos Miñoranos, en colaboración co Concello de Gondomar, no 2005, coincidindo co nomeamento de Tobío como Fillo Adoptivo desta vila pontevedresa.

Ese inédito encontrado por Constanza, que apareceu, en palabras súas, “xunto a outras carpetas con documentos antigos, entre salvaconductos, pasaportes e tarxetas de identidade dos anos da guerra”, non é senón unha novela en idioma galego, intitulada A nova vida, que saíu do prelo da man das Edicións do Castro, de Isaac Díaz Pardo, en edición ao coidado de Xosé Ramón Fandiño Veiga, con cuberta de Xosé Vizoso e unha tríade de textos prologais, asinados por Luís Martul Tobío, Carlos Nuevo Cal e a propia Constanza Tobío, respectivamente.

Da confección, da temática e da estilística desta obra imos tratar a seguir, nun percuso que, en derradeira instancia, non quere ser máis que un ameno convite e un humilde acicate para que o/a curioso/a lector/a se mergulle na súa lectura.

Capa da edición da novela de Tobío
Hipóteses sobre o proceso de confección 

Non está datada a copia mecanoscrita conservada da novela tobiana, que consta dun total de 83 páxinas, mais semella claro que a súa elaboración debe corresponder a algún momento anterior ao exilio uruguaio de Tobío (antes de 1940, pois), tal vez mesmo a varios momentos distintos, como deixan entrever o distinto xorne do idioma usado (de sabor máis dialectal ao principio da novela que no seu desenvolvemento posterior) e, entendemos nós, os diversos matices na perspectiva adoptada, que resulta máis sociolóxica ou externa no inicio da novela e máis psicolóxica ou psico-social e interna no resto da obra, entregada a dar conta da evolución e maduración ideolóxica e vital do protagonista, en chave de “romance iniciático” ou “bildungsroman”. 

A novela é retrato máis ou menos disfrazado - de aí os topónimos inventados con base nos reais da comarca viveiresa: a illa Coelleira é “Leporeira”, Portochao é “Portolongo”, o Rego de Sidro pasa a ser “Rego de Chinto”, etc. - dun personaxe concreto, Antón, membro da fidalguía vilega devalante, inserido no seu entorno social e xeográfico, o Viveiro de comezos de século, cos seus trincados e vapores, as súas tabernas mariñeiras, os seus comercios burgueses, os seus traballadores das minas e as súas descargadoras do sal, os seus usureiros e banqueiros enriquecidos, os seus escribas, as súas romaxes e tradicións festivas, etc. Aparecen na obra, por toda a parte, modismos idiomáticos viveireses típicos como golpe, cerolleira, mexamorno, abitar, fuches, me día a gaña, nosoutros, vosoutros, mal racaniño me coma, unha miaxa, naverdá?, no o, darlle ó beo, qués, queste, piola, cocho, carabelo, parrocha, lambereteiro, condanícaro... 

Praia de Covas, Viveiro, a comezos do século XX
Coidamos, en todo o caso, que non ofrece dúbida a relación deste proxecto literario tobiano coa xeira global do “Seminario de Estudos Galegos” e coa tarefa de modernización e difusión das nosas letras impulsada polo galeguismo de pre-guerra. Lémbrese que a partir de 1924 está a funcionar na Coruña a editora “Lar”, da man de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos, e resulta que boa parte dos mozos fundadores e colaboradores do citado “Seminario” escreben novelas curtas para ela: Filgueira Valverde publica Os nenos (1925) e O vigairo (1927); Fermín Bouza Brei, as Cabalgadas en Salnés (1925); Xulián Magariños Negreira, compañeiro e amigo de Tobío desde os tempos de bacharel, edita O Kalivera 30 HP (1926) e O filósofo de Tamarica (1926); Felipe Fernández Armesto, futuro compañeiro de Tobío na estadía berlinesa en 1929/30, Xelo o salvaxe (1926); Xoán Xesús González, a novela Ana María (1925), Ánxel Romero Cerdeiriña, O Karma de Farruco Filgueira (1926)....

Tobío debeu de poñerse mans á obra movido polo mesmo espírito e desexo de potenciación das letras galegas, de creación dunha prosa moderna, de procura dun público lector en galego e de propaganda ideolóxica galeguista (e tamén social, en certos aspectos) que animaba aos seus outros compañeiros do “Seminario”. En palabras de Romero Cerdeiriña (1926), quixeron “apañar o noso grauciño prâ formación de un xénero literario que escomenza a dar xurdíos froitos na nosa Patria”.

Que a novela A nova vida ficase probabelmente interrompida na elaboración durante non sabemos canto tempo e que ficase finalmente inédita son circunstancias que teñen doada explicación á luz dos avatares e reviravoltas da traxectoria biográfica do noso autor. Como anota o prologuista de A nova vida Nuevo Cal, (con ideas das que o fixemos nós propios partícipe previamente, aínda que logo non tivo nin a delicadeza nin a honestidade intelectual de sinalalo, madia leva), numerosos trazos desta novela respostan claramente ao espírito que animou e caracterizou, en liñas xerais, a colección de novelas de “Lar”, dentro da xeira de modernización e popularización da narrativa galega emprendida neses anos polo galeguismo.

En primeiro lugar, a localización basicamente vilega e urbana (o Viveiro de comezos do século XX, nos primeiros compases; logo, algunhas vilas e cidades galegas: Vilalba, Lugo, Santiago, Vigo; finalmente, os camarotes e cubertas dun barco transatlántico alemán e o porto da Habana, avistado). Resulta este un trazo escollido na altura por moitos autores non só por cuestións de familiaridade ou identificación biográfica con ese espazo concreto, senón como estratexia para romper co excesivo predominio ruralista na literatura feita en galego e como recurso para a captación do público de clase media.

A fins semellantes, relacionados coa propaganda do idioma como vehículo culto e digno, resposta a introdución de personaxes de clases medias e altas como protagonistas, expresándose en galego, na liña do que fixera xa anos antes Cabanillas na peza de teatro A man de Santiña (1919).

Tamén se explica na perspectiva apuntada a presenza de determinados motivos e temáticas, novidosas nas letras galegas do seu tempo, entre as que debemos sinalar estas catro:

* a da decadencia da fidalguía e a denuncia da hexemonía na sociedade galega dunha burguesía de orixe foránea, que xa está en Pantelas, home libre (1925), de Otero Pedraio e que será logo tratada por este en obras posteriores como Os camiños da vida e O mesón dos ermos, por Castelao en moita da súa obra caricaturística e nalgunhas “cousas” ou por Álvaro de las Casas, un home da xeración do propio Tobío, nas pezas de teatro Matria e Mitin. Na novela que nos ocupa, o protagonista é, precisamente, un “fidalgo fanegueiro”, casado coa filla dunha montañesa metida a rexentadora dunha fonda e dun antigo arrieiro, que se ve obrigado a emigrar cando a sogra lle desbarata o capital herdado;
Álvaro de las Casas, en 1939
* a presenza de certos detalles de humorismo macabro (o protagonista teme cando neno a Estadea; a sogra do protagonista pon unha funeraria como negocio “de rumbo”...), que beben directamente en Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919), de Risco, en Un ollo de vidro (1922), de Castelao e tal vez tamén en O purgatorio de D. Ramiro (1926), de Otero Pedraio.
* as referencias aos “indianos” e á emigración, realidade marcante na sociedade viveiresa de comezos de século e introducido na literatura teatral polo tamén viveirés Antón Villar Ponte (A patria do labrego, Almas mortas) e na narrativa deses anos por Xosé Lesta Meis (Manecho o da rúa, Estebo...);
* a inclusión da breve historia dos amores enganosos entre ‘Benigno de Pol’ e a sogra do protagonista, ‘Filomena’, prototípica de certa clase de novelas “románticas” ou folletinescas moi lidas na época. No propio texto (cap. 10) encontramos unha referencia a este tipo de novelas, que son lidas na casa do protagonista con certa deleitación.

UNHA ANÁLISE DA NOVELA

Argumento

Antón, un fidalgo vilego orfo de pai desde moi cedo, de infancia triste e carácter pusilánime, soña co suicidio como forma de liberarse da vida que leva, profundamente insatisfactoria. A súa sogra e a súa muller, que asoballan nel, malgastan o capital familiar montando un negocio ruinoso (unha funeraria) e hipotecando a casa, o que forza a Antón, aconsellado polo escribán Don Lorenzo, a emprender o camiño da emigración. Despois de viaxar desde Viveiro a Lugo e de pernoctar en Santiago, agarda polo buque en Vigo e é vítima dun calote. Xa na travesía, fai amizade con outros pasaxeiros e, suxeito dunha profunda transformación anímica, amósase disposto a emprender unha nova vida en Cuba momentos antes de desembarcar.

Estrutura e punto de vista

A novela presenta un narrador heterodiexético e omnisciente, que relata a peripecia do noso protagonista en terceira persoa, facéndose eco amiúde dos seus procesos psíquicos, pensamentos e inquietudes. Predomina claramente a narración propiamente dita sobre o diálogo, amiúde cortado en padróns costumistas e que serve de escaparate, sobre todo no tramo inicial da obra, da fala popular viveiresa, que Tobío recrea con mestría.

A nova vida componse de 26 unidades narrativas ou “capítulos”, numerados e sen título. O personaxe ‘Antón’ actúa de fío condutor ou enlace de todos os capítulos na novela, con dúas únicas excepcións: o once e o doce están protagonizados pola sogra, ‘Filomena’.

Despois dun capítulo inicial en que se nos presenta ao protagonista deitado na cama matinando no seu suicido, o narrador engarza tres capítulos de carácter retrospectivo, que serven para coñecermos os antecedentes e circunstancias do personaxe: a súa infancia triste, a súa crianza señoritinga e rodeada de mulleres, a súa falta de integración cos outros nenos, o seu carácter pusilánime e apoucado, o seu matrimonio inconscientemente asumido, a pésima relación coa súa sogra e muller, que o asoballan e o humillan acotío...

A partir do capítulo quinto retómase o instante en que ‘Antón’ matina no suicidio e xa acción non ofrecerá máis analepses, agás en determinados momentos puntuais, case sempre como aclaracións ao pasado dalgunha personaxe secundaria que se cruza no camiño do protagonista.

Avanzaremos así desde o momento en que Antón toma a decisión de suicidarse, o que lle dá forzas para se enfrontar á súa sogra e abrir un certo espazo de dignidade e liberdade na súa vida (“quero vivir coma un home e non coma un neno ou un miñaxoia”), ata o momento en que arriba á Habana, aonde chega como emigrante despois de constatar que o patrimonio pecuniario e rendista da familia fora estragado. Polo medio, asistimos ao encontro de ‘Antón’ con diversos personaxes e lugares, que o van madurecendo como persoa e que lle abren novas expectativas para a adquisición dunha nova conciencia de si mesmo, da vida e do mundo.

Personaxes

‘Antón’ é o protagonista principal de A nova vida. A súa peripecia externa amosa numerosas coincidencias coas do propio Tobío, aínda que non así, até onde sabemos, a súa peripecia interna ou psíquica, chave do sentido da obra.

Orfo de pai navegante dese moi cedo e orfo de nai desde os vinte anos, é un fidalgo de bo pasar e escasa cultura, de vinteoito anos de idade, criado entre mulleres (a nai, unha avoa, dúas tías solteiras de carácter frío e moi beatas, unha criada entremetida...). Amosou desde o principio unha saúde feble, un espírito medroso e unha incapacidade para se integrar socialmente e ser aceptado polos outros nenos, pois era, en palabras do propio narrador, “o que menos corría, o que mandaba os croios con menos forza, o que pandaba sempre, o que sempre perdía”.

Unha vez casou con ‘Xoaniña’, sen case decatarse da transcendencia da súa decisión, pasou a estar dominado completamente pola súa sogra ‘Filomena’, que dispuña da casa e do capital sen lle render contas e que insultaba e humillaba nel acotío. Hai, neste senso, certos paralelismos entre o Pedriño de Os dous de sempre de Castelao (1934) e o protagonista de A nova vida no momento de ficar orfo e pasar a convivir con esposa e sogra. Igual que Pedriño acaba por se rebelar contra a sogra e intenta cravarlle un coitelo, o noso protagonista tamén chega un instante en que se ten que facer valer diante da parenta e reivindicar os seus dereitos.

É entón cando se decata de que a sogra, enganada por ‘Benigno de Pol’ malgastou o patrimonio familiar e, aconsellado ao respecto polo notario ‘Don Lorenzo’, decide emprender o camiño da emigración. Despois dunha viaxe ata Vigo e de varios días de espera, en que sofre un timo, embarca con destino a Cuba, desprendéndose ao longo da travesía, grazas ás experiencias acumuladas e á amizade dalgúns pasaxeiros, dos seus últimos temores para enfrontar a nova vida que agora emprende.

‘Filomena’ é a sogra de ‘Antón’. De orixes montañesas, viúva dun tratante metido a taberneiro chamado ‘Celestino’ e propietaria dunha fonda popular, tiña sona na vila de “lurpia e lacazana” e degoiraba medrar socialmente, facer diñeiro e vivir como unha señora. Para conseguir os seus obxectivos non dubidará en empregar o casamento da filla como estratexia de ascenso social, en emprender o negocio ruinoso dunha funeraria de postín e en manter un romance amoroso co usureiro ‘Benigno de Pol’, que se aproveitará da circunstancia e causará o endebedamento e ruína de ‘Antón’. Unha vez que descobre que ela propia foi tamén enganada, amosa un certo arrepentimento, fecha o negocio ruinoso da funeraria, reabre a fonda e facilítalle ao seu xenro o contacto dun seu irmán na Habana. De antagonista pasa, pois, a coadxuvante.

A filla de ‘Filomena’, ‘Xoaniña’, de vinte anos de idade, “nin bonita nin fea”, aparece absolutamente supeditada á nai e constitúe un motivo máis para a profunda insatisfacción vital que experimenta o seu marido antes de se desencadear a súa metamorfose psico-social.

‘Benigno de Pol’, trasunto de Benigno López Muñoz, banqueiro, avogado das silveiras, empresario, promotor-propietario do Heraldo de Vivero e preboste liberal do Viveiro de comezos do século XX, encarna na novela, como anuncia o seu alcume ‘Fol de Veneno’, condutas esencialmente negativas: a usura, o engano, o aproveitamento das feblezas e ignorancias dos máis débiles, a infidelidade amorosa, a hipocrisía, o cinismo... Trátase, ben mirado, dunha pequena “vinganza” literaria do mozo Tobío contra quen tiña feito pública campaña na prensa local, nalgunhas ocasións, contra o mestre Tobío Campos, considerado ‘xermanófilo’...

‘Don Miguel de Acevedo’, “señorito da vila”, é o representante dun mundo en transo de desaparición, o da fidalguía rendista, de vivir luxoso e gosto xa trasnoitado, que considera natural vivir sen traballar e atribúe os males todos da sociedade á burguesía foránea ascendente e aos seus valores.

‘Cándida de Luaces’, esposa dun emigrante fracasado e descendente dun ancarés que chegou á vila, é dona dunha tenda de tecidos. Rebate as ideas de ‘Don Miguel’ sobre a presunta falta de responsabilidade da fidalguía na súa propia decadencia.

‘Rosendo’ o taberneiro, antigo mariñeiro, exemplifica na novela o marido que procura un equilibrio matrimonial exento de afectos e considera que a muller debe estar o máis afastada do home para este ser feliz. Semellante mentalidade, profundamente machista, serve non obstante de provisorio consolo ao protagonista ‘Antón’, pois permítelle constatar que o inferno familiar que padece non é unha experiencia exclusiva súa.

Fronte a ‘Rosendo’ sitúase ‘Andrés o Laraño’, mariñeiro en activo e antigo compañeiro de escola de ‘Antón’, felizmente casado, defensor das mulleres e protagonista, mercé ao seu bo corazón, dalgúns episodios de defensa do desvalido ‘Antón’ na súa infancia.

O notario ‘Don Lorenzo’, probábel trasunto do padriño de Tobío, Lucio Fernández Argüelles (véxase a estampa nas súas Décadas, páxs. 61 e ss.), é un vello amigo da familia do protagonista, honesto e cumpridor, amante da música, da tertulia, dos libros e da natureza. Será el o que clarifique a comprometida situación económica de ‘Antón’ e quen lle sinalará como saída posíbel a emigración transoceánica.

‘Pedro Cornejo’, o caloteiro de orixe castelán, ben traxado e moi locuaz, fecha dalgunha maneira o ciclo de encontros con personaxes que se aproveitan do apouvigamento e candidez de ‘Antón’.

‘Xurxo Lomba’, mozo do Rosal, compañeiro de pensión de ‘Antón’ en Vigo nos días de espera para embarcar cara ás Américas, representa a aparición na vida do protagonista da amizade cordial, da posibilidade de falar sincera e abertamente dos propios problemas e desexos con outro semellante. Tal vez se trate dun trasunto do mozo guardés Xoaquín Sobrino, con quen Tobío preparou as oposicións.

Finalmente, os dous alemáns cos que ‘Antón’ coincide no barco, ‘Hans Schmitt’, que estivera no Brasil traballando en múltiples oficios, e ‘Peter König’, artista circense maltratado pola vida que confía no destino como único factor de sorte e benestar, encaixan tamén nesta perspectiva: saen en defensa de ‘Antón’ cando un garda do barco lle recrimina o ter vomitado en cuberta e dialogan con el sobre a experiencia do emigrante, abríndolle novas perspectivas e confianzas.
 
Homenaxe a Tobío en Viveiro, en 2003.
 
Espazo e tempo 

Sinala Constanza Tobío, con razón, que “boa parte da novela é unha viaxe, unha longa viaxe á vez real e metafórica”. Os capítulos un a quince están ambientados nunha vila do Cantábrico galego, de casas con tellados pizarrentos, presidida polo monte San Roque, situada na desembocadura dun río onde se sitúa o pazo de Piago e o lugar de San Andrés de ‘Portolongo’ (=Portochao) e encravada, ao mesmo tempo, no fondal dunha ría, desde onde se divisa a illa ‘Leporeira’ (=Coelleira). En síntese, o Viveiro natal do autor.

Nesta primeira parte espacialmente definida, mudan constantemente os escenarios polos que transita o noso protagonista: o seu cuarto; a taberna de ‘Rosendo’; a cociña da casa familiar “grande e vella, de boa cantería, con porta de arco e balcón corrido e, baixo de el, a pedra de armas da familia”; o local da funeraria; o peirao da vila; a tenda de teas de ‘Cándida de Luaces’; o despacho do escribán ‘Don Lorenzo’...

Da man de ‘Filomena’ saímos, así mesmo, ás aforas da vila, onde está situada a mansión de ‘Benigno de Pol’, e paseamos na noite algunhas das súas rúas.

Notas gastronómicas (tarta de parrochas...), alusións a edificios e recantos emblemáticos da vila (Castelo da Ponte, Camiño Vello, peirao con vapores e traiñeiras...), referencias a trazos urbanísticos singulares (rúas empinadas, tellados de lousa), mencións de elementos da menaxe cotiá (sopeira de Sargadelos...) ou citación de costumes inveterados (xira a Portochao en barca, con farois acesos e cantigas ao ar; crianza de porcos que se sacan a pasear pola rúa...), etc., son elementos que reforzan o que de retrato intencionado da vila de Viveiro nos comezos do século XX quixo facer Tobío coa súa obra.

Desde o capítulo dezaseis, a estrutura faise decididamente itinerante e avanza espacialmente a saltos: a partida desde Viveiro e a ascensión pola Gañidoira (cap. 16), a arribada a Vilalba, a viaxe até Lugo e desde alí a Santiago (cap. 17), a chegada a Vigo en tren desde a estación de Cornes (cap. 18), a estadía nunha pensión olívica (caps. 18 a 21), o embarque no paquebote (cap. 22), a travesía (caps. 23 a 25) e, finalmente, a arribada ao porto da Habana (cap. 26).

Chama a atención o feito de que nos primeiros capítulos da novela os espazos aparezan nominalmente disfrazados (a illa Coelleira é ‘Leporeira’, Portochao é ‘Portolongo’, o Rego de Sidro pasa a ser ‘Rego de Chinto’, Naín é ‘Naíño’, Altamira é Miradouta’, etc.), ao contrario do que acontece nos capítulos finais, en que os espazos reciben as mesmas denominacións da realidade: Vilalba, Santiago, Vigo e A Habana.

Panorámica de Portochao, no río Landrove
Interesa, por outra banda, a coloración simbólica con que cada espazo se presenta nesta novela. O Viveiro do tramo inicial da obra é o ámbito da inadaptación, o escenario da decadencia, o espazo que, sendo familiar e coñecido, resulta non obstante hostil, porque está hexemonizado polos elementos que causan o inferno do protagonista e aínda outros infernos (o das estibadoras do sal, por exemplo). O Viveiro evocado por ‘Antón’ cando está a piques de embarcar cara a América, porén, é xa unha lembranza saudosa e mesmo agradábel.

As cidades que balizan a súa viaxe cara á nova vida en América teñen tamén o seu valor alén do referencial: Lugo é o espertar ao interese polo mundo variado das cidades; Santiago, a cidade espiritual, misteriosa e solemne, que conmove ao que a visita e garda as esencias da nación; Vigo, a cidade moderna, ruidosa e populosa, de enormes edificios e intenso tráfico, latexo dun mundo en constante transformación e aberto a todas as influencias; o ceo azul e limpo de Cuba representa a luminosa esperanza do protagonista ao emprender unha nova existencia...

Interpretación da obra

A nova vida, como se intúe xa desde o propio título, é unha novela de carácter iniciático, un relato sobre a “posibilidade dun renacer” (en expresión de Martul Tobío), sobre a “catarse” liberadora dun individuo que transita desde a angustia sen aparente saída á autoafirmación esperanzada.

Florentino L. Cuevillas
Isto emparenta a novela de Tobío, salvando distancias e matices, coa produción coetánea dun concreto sector da intelligentzia galeguista, empeñado en literaturizar o seu propio proceso de conversión á causa galega ou en reflexionar sobre a tensión entre o compromiso e o diletantismo: Otero Pedraio e o seu Arredor de si; Risco e o seu ensaio Nós, os inadaptados; Cuevillas e o seu “Dos nosos tempos”, Castelao e o seu Os dous de sempre...

A inadaptación, a imposibilidade de harmonizarse co medio é o punto de partida do proceso psico-social que protagoniza ‘Antón’. Sinala Martul Tobío, neste sentido, que á partida “Antón ten moito que ver con eses heroes que manteñen un conflicto sen saída entre os seus anseios ideais, o seu sistema de valores, e as normas da sociedade que na práctica están impedindo a súa integración e a súa realización como individuos”.

O noso protagonista procura saída primeiro na idea da morte, mediante suicidio, o que lle dá forza anímica para reaxir contra o asoballamento que contra el practican muller e sogra, e despois na viaxe migratoria, que lle permite pasar a páxina do seu pasado insatisfactorio e que o dota, ao mesmo tempo, de novas experiencias e contactos, ben con outras persoas, ben con outras realidades xeográficas e sociais, unhas veces positivos (descuberta da grande cidade, amizades novas....) e outras negativos (o calote do anel en Vigo) que, en definitiva, o fan madurar.

Numerosos ingredientes fan deste texto tobiano, asemade, un auténtico retrato sociolóxico dunha vila galega de comezos do século XX, trasunto do Viveiro natal do autor. A nova vida constitúe unha novela en moitos sentidos de “denuncia” ou “social”. Expón a realidade dunha vila desde a perspectiva dun fidalgo en devalo, que acaba reinterpretando o seu drama persoal e familiar (arrastra unha existencia inane e vive asoballado pola sogra, de orixe foránea, que dilapida o patrimonio en favor dun burgués usureiro) en chave social, responsabilizando á burguesía foránea da inversión de valores que o conduciu á súa situación.

A compaixón e o sentimento de solidariedade que lle produce ao protagonista a contemplación no peirao viveirés dunhas mulleres de extracción popular estibando no sal (cap. 5), por unha banda, e as reflexións do seu amigo alemán Peter sobre as desigualdades sociais (“moito para poucos, pouco para moitos”, resume) cando ambos visitan sen permiso a cuberta e as estancias de primeira clase do transatlántico en que viaxan a América (cap. 25), por outra, constitúen dous instantes da novela en que resulta diáfano este afán de denuncia social ao que aludimos.

Tema de grande relevancia na novela é, igualmente, o da emigración, ao que concorren tanto a presenza dos indianos (no cap. 4, Filomena intenta ofrecer os seus servizos funerarios á familia dun indiano rico, sen éxito; o marido de ‘Cándida de Luaces’, cóntasenos no capítulo 9, fracasou en América e agora sobrevive levando libros de contabilidade de varios negocios industriais, en mas de armadores e burgueses) como a visión de América como Eldorado, saída e remedio acaído aos males do protagonista.

Xa cando ‘Antón’ fantasea con emprender unha longa viaxe diante do taberneiro ‘Rosendo’ (cap. 6), este interpreta erroneamente que se trata da emigración ás Américas. ‘Don Lorenzo’ logra convencer a ‘Antón’ de que o camiño ao Novo Continente é a solución á súa situación económica (capítulo 13) porque, son palabras súas, “alí hai empregos a eito, podes traballar en calquer cousa inda que non seipas moito, gañas diñeiro a moreas, poderás axudar á familia”. Un auténtico Eldorado, pois, que o lector avisado non pode acreditar como tal porque xa no capítulo noveno tivo noticia do fracaso nesas terras do marido de ‘Cándida de Luaces’. Mais para o protagonista, a xeira migratoria non ten senón atractivos: contará coa axuda prometida do irmán de Filomena emigrado na Habana (capítulo 14) e imaxina o engado de Cuba (anacos de guajiras, sons e rumbas; froitas de nomes doces e brandos, hamacas á sombra das palmeiras, andares ondeantes das mulatas....), a partir dos recendos dunha caixa de puros que usaba a súa nai para gardar os fíos e botóns (capítulo 15). As advertencias do caloteiro ‘Pedro Cornejo’ sobre América (“aquelo xa non é o que era, xa non é un paradiso”) caen tras o engano a que somete a ‘Antón’, loxicamente, en saco roto.

Na mesma perspectiva de interpretar A nova vida como unha novela “de ideas” hai que situar o debate que manteñen nun dos capítulos da obra os personaxes de ‘Don Miguel de Acevedo’ e ‘Cándida de Luaces’ sobre as causas e a etioloxía do devalo fidalgo na vila. Mentres o primeiro, fidalgo el propio, atribúe o fenómeno “a estas xentes de afora que viñeron eiquí dalgún tempo a esta parte”, auténticas “sambesugas” que el propio identifica como “arrieiros, coireiros vascos e salazoneiros cataláns”, enriquecidos e elevados socialmente a base de practicar a usura e o matrimonio de comenencia, a segunda sitúa na propia preguiza e indolencia da fidalguía a causa derradeira da súa prostración.

Tamén merecente dunha lectura en chave sociolóxica é o papel e presenza das mulleres nesta novela, que non por acaso aparece complementado no propio texto cun debate entre os propios personaxes de ‘Rosendo’, o taberneiro, e o mariñeiro ‘Andrés de Laraño’.

Lois Tobío e eu, en Xunqueira (Viveiro) no verao de 1987.
Finalmente, convén non perder de vista que A nova vida amosa moitas peripecias, anécdotas e personaxes recollidas posteriormente nas Décadas de T.L., o que nos indica o alto grao de autobiografismo e de memoria familiar e persoal deitado nesta obra. 

Sen pretendermos ser exhaustivos sinalemos que a anécdota da fidalga Carlota de ‘Pardomonte’ (=Pardo Vaamonde), bisavoa por parte de mai de Tobío, botando do banco da misa a un mercador de orixe vasca, está contada nas Décadas (p. 11); que nenos que xogan na ribeira viveiresa tapando pudicamente coa man as súas partes, descritos no capítulo 9 da novela, son evocados tamén no texto “Unha fonte”, editado nun número conmemorativo da revista Ronsel de Lugo; que como o ‘Antón’ fidalgo que asistiu á escola infantil con nenos de familias mariñeiras como ‘O Laraño’, Tobío tamén compartiu pupitre con nenos desa orixe social (Décadas, páx. 14); que as referencias aos circos ambulantes que visitan a vila de Viveiro na infancia do protagonista (páx. 76 da novela) están tamén nas Décadas (p. 34); que a ordenación de papelada que ‘Filomena’ emprende na novela (páx. 40) cando quere coñecer a verdadeira situación financeira familiar, ben pode ser trasunto da traballosa ordenación de papeis no Arquivo Municipal de Viveiro feita por Casariego e Tobío, para desgusto do entón cronista da vila, Jesús Noya (Décadas, páxs. 147-148); que a xira a Portolongo (=Portochao), que se cita na páxina 22 do mecanoscrito da novela, aparece evocada por Tobío nas Décadas, en moi parecidos termos (páx. 48); que a tenda de teas que aparece na novela (páx. 25), propiedade de ‘Cándida de Luaces’, ben pode ser a que tiña unha tía de Tobío, Matilde, na Praza Maior (Décadas, p. 22), co nome de “La Elegancia”; que o despacho de notario que se describe na novela cando ‘Antón’ e ‘Filomena’ acoden onda ‘Don Lorenzo’ para clarificaren a situación pecuniaria ten moitas semellanzas co despacho do padriño de Tobío, Lucio Fernández Argüelles, descrito nas Décadas (páx. 62); que a peripecia como emigrante do marido de ‘Cándida’ na novela ten moitos puntos de unión coa que pasou na realidade un tío de Tobío, Manolo, como se relata nas Décadas (páx. 115); que as afeccións que presenta o notario ‘D. Lorenzo’ (páx. 44 da novela), ler, andar polo campo, navegar e asistir á tertulia, son as mesmas que manifesta Tobío de si propio en moitos parágrafos das Décadas; que a viaxe desde Viveiro a Santiago do protagonista, que aparece na novela nas páxs. 54-57 é mallada en moitos aspectos á que conta Tobío nas Décadas (páx. 77), evocando o instante en que con tan só dez anos de idade abandonou a cidade do Landrove para se instalar coa familia na cidade do Apóstolo; que a hospedaxe do protagonista ‘Antón’ en Santiago (p. 57) está na mesma rúa en que viviu a familia de Tobío, a Fonte de San Antonio nº 6, ben preto da Praza de Mazarelos; que a sensación de contraste que experimenta o protagonista, a respecto do Viveiro nativo, vendo as novas paisaxes galegas polas que anda agora (p. 60 da novela: “decatábase ben da difrenza antre estas terras vizosas, sorridente e as súas do norde, da banda do Cantábrico, bravas e duras”) tamén está recollida nas Décadas (p. 105) ao establecer contraste entre as terras de Brión-Amaía e o Viveiro natal; que a chegada a Vigo, o ambiente da cidade olívica e o mísero hotel de emigrantes en que se hospeda ‘Antón’ (páxs. 60 e ss. da novela) están recollidos nas Décadas (p. 211), con motivo da viaxe do propio Tobío con destino a Alemaña, en 1929; que a presenza de xudeus polacos no barco en que viaxa ‘Antón’ (páx. 74 da novela), está reflectida no episodio das Décadas (páx. 448) en que Tobío evoca a viaxe cara ao exilio no “Queen Mary”, en camarote de terceira, con destino a New York (Marzo de 1939); que a amizade con dous mozos alemáns que retornaban a América no mesmo barco que o noso protagonista na novela (p. 75), está reflectida autobiograficamente por Tobío nas Décadas (p. 212); que o feito de colárense ‘Antón’ e ‘Peter’ desde a cuberta de 3ª aos camarotes de 1ª no barco (páx. 80 do mecanoscrito) é o que fixo precisamente Tobío na súa primeira viaxe a Alemaña, cando o paquebote estaba chegando a Cuxhaven (Décadas, páxs. 212-213); e así ad infinitum...

É posíbel, daquela, establecer toda unha serie de paralelismos entre a materia narrada na novela mecanoscrita e o contido memorialístico das Décadas e isto, ademais de axudar á interpretación e comprensión da obra e de clarificar as fontes de inspiración do Tobío narrador, ofrece tamén, pensamos, algunha pista sobre a razón última que manexou o noso querido mestre para deixar no ineditismo A nova vida. Debeu de considerar que boa parte da materia que daba xeito á súa novela fora xa convenientemente transvasada ao volume memorialístico, mais como ambos textos se complementan e enriquecen mutuamente, alegrámonos de que Constanza, con moi bo criterio, non se tivese conformado coa decisión ineditaria do seu pai e nos fixese a todos os amantes das nosas letras, coa axuda editorial do benemérito e chorado Isaac Díaz Pardo, un magnífico, por inesperado, e para sempre gratificante agasallo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario